Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta de Goberno Local acorda ampliar o contrato de limpeza de praias para aumentar a frecuencia do servizo


O goberno local tamén se comprometeu a asumir o mantemento da ponte da rúa Fomento tras a execución das obras previstas por Augas de Galicia

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a modificación do contrato coa empresa Acciona Servicios Urbanos para a limpeza de praias coa finalidade de aumentar a frecuencia do servizo. Deste xeito, a temporada alta da limpeza dos areais, tanto mecánica coma manual, estenderase á segunda quincena de setembro. Ademais, o baleirado de papeleiras e a recollida de residuos na contorna das mesmas realizarase 22 días máis ao ano (segunda quincena de setembro, ponte da Constitución, Semana Santa e Día das Letras Galegas), e tamén se incluirán cinco segas anuais nas zonas verdes do miradoiro de Santa Irene e na illa da estrada provincial 1902 en Razo. Como consecuencia destas melloras, o prezo do contrato incrementarse en 19.000 euros ao ano.

O goberno local tamén expresou hoxe, a petición de Augas de Galicia, a conformidade do Concello de Carballo co proxecto de reforma da ponte da rúa Fomento, que ten un orzamento de 1.949.461,88 euros, e o compromiso de asumir a posta en servizo, explotación, mantemento e conservación da mesma unha vez finalizas as obras. Esta actuación forma parte do convenio entre as administracións local e autonómica para reducir o risco de inundación no río Anllóns.

Por outra banda, entre as licenzas urbanísticas aprobadas figura a correspondente ao primeiro establecemento do parque comercial A Revolta, promovido por Restaurantes MacDonald’s SAU. Trátase dun edificio de 340,26 metros cadrados destinado a restaurante e comercio 24 horas, con terraza, aparcamento e tótem indicativo. Arredor do inmoble e da terraza está proxectado un carril para servir directamente ao cliente sen baixar do vehículo, e na parte frontal prevese unha zona de xogo para nenos e nenas. O orzamento das obras acada os 976.046,19 euros.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou facturas por importe de 44.940,93 euros, unha subvención de 4.500 euros ás Escolas Balonmán Xiria para a celebración do VI Torneo Handball Festival Concello de Carballo e a resolución contractual por mutuo acordo do contrato correspondente á primeira fase das obras de ampliación do cemiterio municipal, xa que o incremento do prezo dos materiais fan inviable para a empresa a conclusión dos traballos, dos que queda pendente dunha nova licitación a colocación da pedra.